En Dixardín temos un firme compromiso co desenvolvemento medioambientalmente sostible.
Por iso, levamos a cabo proxectos propios e en colaboración con outras institucións e administracións que teñen o obxectivo de protexer a nosa contorna.
Coñece algunhas das nosas iniciativas ambientais:
Dentro das cidades, contornas con demasiado consumo, demasiados refugallos e demasiado cemento, os xardíns, as árbores, as terrazas, e mesmo unha simple maceta, achegan un toque de natureza, cumprindo funcións esenciais como producir osíxeno e absorber partículas contaminantes, aumentar a diversidade de especies animais e ofrecer un espazo para o descanso e o lecer. En resumo: calidade de vida.
Por iso, aínda que a cidade achéganos comodidade e moitas oportunidades, algo no noso interior goza en contacto coa natureza. O xardín é unha boa maneira de achegarnos a ela, de participar e de recrear os procesos da vida, rodeándonos dun ambiente harmónico e tranquilo.
Pensar en verde
O concello de Carballo é un bo exemplo de compromiso na conservación e mellora da súa infraestrutura ecolóxica para que a natureza na cidade configure unha auténtica rede verde que beneficie a todas as persoas.
En colaboración con Dixardín, aposta por impulsar un incremento de espazos verdes e un modo de xestionalos en favor da conservación e mellora da biodiversidade, do patrimonio natural e dun contacto máis rico da cidadanía coa natureza urbana.
Porque a idea dun xardín sostible vai máis aló do mero espazo verde: supón a posibilidade de realizar un cambio na maneira de facer as cousas.
Dixardín recolle refugallos orgánicos de comedores de centros escolares de Ames para facer compostaxe.
Hai case dous meses que o noso centro especial de emprego é o encargado de recoller os restos orgánicos xerados nas cociñas dos comedores dos colexios C.E.I. P do Agro do Muíño e E.E.I Milladoiro do concello de Ames, e trasladalos ao viveiro municipal.
A finalidade deste proceso é facer compostaxe con estes refugallos orgánicos, unha maneira de coidar o medio ambiente e ao mesmo tempo tratar de facer abono orgánico para ser empregado nas zonas verdes do concello amiense.
O viveiro conta con 6 recipientes de compost con 800 litros de capacidade que se irán enchendo os luns, mércores e venres, os días de recollida dos restos orgánicos das cociñas e tamén dos restos vexetais procedentes de poda e que serán triturados para o seu tratamento.
En catro días, a rede de comedores escolares municipais, que a diario dispensa 1.300 menús, xerou xa 260 quilos de restos de comida.