A imprenta Grafinco dá un paso máis como empresa sostible e socialmente comprometida coa cidade de Lugo, coa súa clientela e coa sociedade en xeral. Conta cos certificados forestais internacionais FSC e PEFC que indican que o papel que utilizan procede de madeiras de bosques tratados de maneira responsable e sostible.
Ambos sistemas de certificación forestal, o Consello de Administración Forestal (FSC) e o Programa de Recoñecemento de Sistemas de Certificación Forestal (PEFC), acreditan que Grafinco utiliza papelería que garante que foi tratada baixo unha correcta xestión dos recursos naturais, contribuíndo á conservación dos bosques, mellora da produtividade e promoción de desenvolvemento económico no medio rural.
Pero tamén, define a clientela de Grafinco como medioambientalmente responsable e, polo tanto, debe ser a clienta ou cliente quen deba solicitar o selo a través dun permiso específico, para que na impresión consten os certificados.
A través destes selos FSC e PEFC é posible seguir o rastro de procedencia do papel, onde se plantaron as árbores da que extraeron a celulosa, como se coidaron, a localización exacta dos bosques e ata aporta información sobre as condicións laborais do persoal das empresas que traballan neste sector da madeira.
Grafinco
Grafinco é un centro especial de emprego de iniciativa social que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) abre no ano 2000 en Lugo, como unha oportunidade laboral para as persoas con discapacidade. Esta imprenta offset-dixital, que conta cun equipo formado por 13 persoas traballadoras, está especializada no deseño e impresión en calquera formato que se solicite.
A inclusión dos certificados FSC e PEFC á imprenta supoñen un paso máis de cara ás liñas de coidado do medio ambiente que ten como base COGAMI Empresarial, que conta con outras 10 iniciativas máis de economía social, todas elas comprometidas coa inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.