Activa Social ETT presenta o seu novo portal de emprego para persoas con discapacidade: activasocial.gal Unha plataforma renovada co obxectivo de potenciar o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade e avanzar na inclusión.
Tras darse de alta no portal, as persoas candidatas a un emprego acceden a un buscador de ofertas onde localizar vacantes por localidade e categoría. A plataforma tamén inclúe información acerca do uso do certificado de discapacidade no ámbito laboral e sobre os servizos de orientación profesional, intermediación laboral e mellora da empregabilidade.
Estes cambios achegan ás persoas con discapacidade ás novas tecnoloxías, cunha plataforma web máis accesible e unha navegación moi intuitiva. Todas estas accións leváronse a cabo coa intención de aumentar as posibilidades de contratación de persoas con discapacidade.
Hai mil razóns para dar a coñecer o teu talento, tantas como para darte de alta en activasocial.gal, o portal de emprego referente en Galicia para as persoas con discapacidade.
Como mínimo, hai mil razóns para contratar unha persoa con discapacidade. Esta é a mensaxe que Activa Social ETT quere transmitir con motivo do lanzamento do seu portal de emprego activasocial.gal, unha plataforma destinada a potenciar o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade e avanzar na inclusión social.
Con ocasión da renovación da web activasocial.gal, Activa Social ETT lanza a campaña Hai mil razóns cun dobre obxectivo: por un lado, informar e animar ás persoas con discapacidade a que utilicen os servizos do portal, que inclúen orientación e acompañamento para incrementar as súas opcións a un emprego de calidade e, por outro, concienciar ás empresas para que a través de activasocial.gal atopen profesionais para cubrir as súas demandas.
O labor de activasocial.gal consiste en poñer en contacto a persoas candidatas e empresas, para axudar a ambos a alcanzar o seu máximo potencial.
Dende 2013 Activa Social ETT, xestionou a contratación de 1.500 persoas con discapacidade, posibilitando a súa inserción no mercado laboral. Alcanzar esta cifra foi posible gracias á colaboración con pemes e grandes empresas de sectores como o alimentario, agricultura, loxística, téxtil, automoción, servizos, naval ou turístico.
Activa Social ETT destaca as vantaxes de contratar persoas con discapacidade ofrecendo ás empresas e organizacións servizos de intermediación laboral para atraer a potenciais candidaturas así como identificar as áreas e/ou postos de traballo susceptibles de ser desempeñados por persoas con discapacidade, promovendo a Responsabilidade Social e desenvolvendo accións de concienciación sobre o valor e a capacidade das persoas con discapacidade. Á súa vez, informan sobre todo o relacionado coa contratación de persoas con discapacidade, contribuíndo a garantir a cota de reserva nas empresas de máis de 50 persoas traballadoras, entre outros recursos.
Hai mil razóns para investir no mellor talento, tantas como para buscar persoas candidatas en activasocial.gal, o portal de emprego referente en Galicia para as persoas con discapacidade.
Activa Social ETT
Tes unha nova oportunidade.
Hai mil razóns
Apúntate en activasocial.gal