“Agradecido por esta oportunidade que cambiou a miña vida por completo”

“Dito e feito!”, un proxecto con dobre impacto positivo
20 Novembro 2023
Cualicar fano as persoas
27 Novembro 2023

Momentos complicados na vida hai moitos, pero hai veces que as dificultades transfórmanse en oportunidades. Cando nos parece que xa non hai ningunha saída, a vida sorpréndenos cunha segunda oportunidade.

Así foi para Jorge. Tras varios anos sen traballo, o sector da xardinería fíxolle un oco grazas ao proxecto ‘Dito e Feito’, desenvolvido polo Concello de Lugo en colaboración con Dixardín, do grupo Empresarial de COGAMI, para o embelecemento urbano da cidade.

“Antes de atopar este emprego non traballara neste sector, dedicárame durante moitos anos ao sector da construción. Aprendín moitísimo sobre xardinería e a importancia de facelo de forma correcta”, cóntanos. Jorge manifesta estar “moi contento” e “agradecido por esta oportunidade que cambiou a miña vida por completo”.

O aprecio é recíproco: “Desde o primeiro momento destacaron as súas ganas por aprender e a súa implicación en facer ben o seu traballo. Enseguida adaptouse ás tarefas que tiña que realizar e ao resto de compañeiras/os. Jorge é un claro exemplo de que, se queres, podes”, sinala Pedro Guerreiro, coordinador do proxecto en Dixardín. “Con ‘Dito e Feito’ vimos como persoas que por distintas circunstancias estaban a pasar por unha situación complicada, puideron cambiar dita situación grazas ao seu esforzo, entusiasmo e ganas”.

E claro que Jorge tiña ganas. Esta oportunidade foi para el un antes e un despois na súa vida. “Para min, atopar un emprego, supúxome tranquilidade, saber que a final de mes vas ter un soldo. Ter solvencia económica permíteme cubrir as necesidades que se xeran na miña casa e tamén gozar coa miña familia”, explica.

A certeza de estar a facer algo positivo é mutua. Desde Dixardín, Pedro asegura que a empresa séntese “satisfeita, entusiasmada e comprometida” con este proxecto. “Traballamos para mellorar a calidade de vida dos lugares onde estamos presentes e para xerar, coa nosa actividade, oportunidades laborais para as persoas con discapacidade”, afirma.

Para Jorge, todo empezou de novo, cando, buscando oportunidades, informouse de que COGAMI Lugo ía desenvolver unha formación sobre xestión e tratamento de residuos. “Cando me estaba formando, Pedro, o responsable do proxecto en Dixardín, transmitiume o seu interese en que formase parte do seu equipo. E así chegou a miña oportunidade”, lembra emocionado.

Jorge recoñece que co seu emprego en “Dito e feito” a súa conciencia ambiental e responsabilidade foi crecendo aínda máis. “Sempre me gustou a natureza. Gústame moito o que fago, e se ademais axudo a que a cidade estea máis bonita e limpa, moito mellor”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Suscribirse á newsletter

¿Queres ser o primeiro en coñecer as nosas novidades?

Acepto a política de privacidade